Carbonell Penichet, Paula
Dous animais atópanse, xogan, enfádanse, afástanse, bótanse de menos... e achéganse de novo. Na idade infantil é moi común vivir conflitos entre amigos e frustracións derivadas das relacións. Do mesmo xeito que sucede co can e o gato, as emocións van acompañadas de reaccións e expresións do corpo: alteracións na circulación, cambios respiratorios, cambios de humor... Os cambios impostos polo desenvolvemento da personalidade, o crecemento, a socialización e a conquista de espazos de independencia son factores que desestabilizan e dan lugar a enfados e comportamentos negativos, de aí a importancia de buscar mecanismos para controlar a situación, esquecer o mal humor e fomentar a alegría, o autocontrol e o benestar. Esta sinxela historia da relación entre un can e un gato axuda a proxectar situacións conflitivas e a comparalas, consciente ou inconscientemente, con experiencias emocionais propias. Igual que nesta historia, a ledicia e a aceptación dos outros fannos sentir agarimo e mudar o mal humor en optimismo. En palabras da autora, Paula Carbonell, UN CAN E UN GATO poden ser como un pai e un fillo, dous irmáns, unha parella, os avós, ti e máis eu: como un can e un gato. As ilustracións foron realizadas en colaxe, técnica habitual nos traballos de Chené Gómez. Os recortes utilizados foron previamente elaborados con lapis e ceras co fin de crear diferentes texturas ricas en cor. A elección da cor tenta transmitir os estados de ánimo dos personaxes: o gato monta en cólera vermella cando o atrapa o can, a frescura do azul convídanos a correr xogando cos dous personaxes, o campo convértese nun arco da vella cando se reconcilian os amigos, o soño de ambos faise cálido nunha contorna de amarelos etc. Chené Gómez concibiu ao gato en tons cálidos e ao can en cores frías para potenciar a pertenza a naturezas distintas. Esta diferenza acentúase na portada do libro, onde os dous protagonistas aparecen separados por un abismo, aínda que se achegan con curiosidade. Unha proposta orixinal para gozar e emocionarse a partir dos tres anos.
Has afegit la quantitat màxima disponible.